Proxecto Toponímia de Galicia

 

O proxecto Toponimia de Galicia constitúe un proxecto orientado a recoller de forma exhaustiva a microtoponimia viva, como complemento ao Nomenclátor de Galicia que recolle toda a toponimia maior do noso territorio (concellos, parroquias e lugares)  e ofrece: 
  •  a posibilidade de conservar e recuperar a nosa microtoponimia, que se ve ameazada nos últimos tempos pola transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais;
  •  confeccionar unha gran base de datos útil e de referencia para os diferentes departamentos da Administración e especialmente para actividades educativas e de información e identificación territorial.
É un proxecto  que nace no seo da Comisión de Toponimia de Galicia, promovido pola  Xunta de Galicia e a Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, Área de Cartografía.
 
Ferrol sumouse a este proxecto co fin de conservar e recuperar a súa microtoponimia, que se ve ameazada nos últimos tempos polas transformacións demográficas e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais. Somos conscientes da necesidade de protexer un patrimonio cultural que forma parte da memoria interxeracional como expresión da vinculación dun pobo co seu medio xeográfico ao longo  da historia.
 
As aplicacións do proxecto na actividade diaria que desenvolve o Concello son moitas e diversas; desde o propio concello poderase determinar os obxectivos que consideren prioritarios. 
 
Por outro lado, son moitas e diversas esas posibilidades en áreas como Urbanismo, Estatística ou na Áreas de Educación, Normalización Lingüística , Cultura , Turismo ou Medio Ambiente. 
 
O Concello de Ferrol desenvolveu unha primeira fase desde a Área municipal de Normalización Lingüística e Educación Os labores de campo foron desenvoltos por tres técnicas contratadas para este proxecto.
 
Desexo recoñecer e agradecer, con especial énfase. a enorme axuda que nos prestou o movemento asociativo de base, e máis en concreto as asociacións de veciños que prestaron unha enorme axuda. Estas entidades achegaron ao proxecto as persoas maiores que polo seu coñecemento do territorio e pola súa idade, son a verdadeira memoria histórica dos seus lugares de residencia.
 
En total, colaboraron na primeira fase 23 asociacións veciñais,  unha asociación cultural e máis de 90 veciños e veciñas.
 
Grazas ao esforzo destas entidades e veciños, recolléronse 2.612 topónimos, dos que 1.836
corresponden a predios, 425 a entidades humanas, 160 a accidentes terrestres, 84 a augas e 306 a accidentes costeiro.
 
 
 Ao remate  tivo lugar na Fundación Caixa Galicia unha a exposición de fotos aéreas de Ferrol que contiñan os topónimos recollidos e os informes correspondentes, para que todas as persoas que participaran como informantes puidesen achegar as súas propostas e facer, se fose o caso, algunha modificación ou achegar un novo topónimo.
 
A partir de aquí deu comezo a fase de revisión e ampliación que está a piques de rematar e   supón un considerable aumento no número de topónimos recollidos.
 
Máis información en Toponimia oficial - Nomenclátor de Galicia e na Sociedade Cultural Columba.