Manifesto: Ferrol co deporte, Ferrol co galego

 

Presentamos este manifesto Ferrol co deporte, Ferrol co galego desde o Grupo de Participación do Deporte, grupo de traballo creado en 2009, no seo do Consello Municipal da Lingua e formado por representantes de varias entidades deportivas ferrolás.

Este foro constituíuse como un grupo activo e implicado no desenvolvemento do Plan de normalización lingüística do Concello de Ferrol  un documento de consenso elaborado por máis de 147 persoas representativas da nosa cidade e, desde esta base, impulsamos a nosa actividade a través de diferentes propostas e accións durante o 2009 no ámbito do Deporte.

Hoxe o noso traballo chegou tamén até aquí, á presente Gala do Deporte, un espazo en que proxectar o fomento da lingua entre os axentes implicados na actividade cotiá do deporte en Ferrol.

 

 

Manifesto: Ferrol co  deporte, Ferrol co galego

 

O presente manifesto pretende ser unha declaración de obxectivos para a revitalización da nosa lingua no ámbito do deporte, para a súa promoción, para a recuperación do seu uso nas diferentes actividades deportivas, para a restitución do prestixio social da lingua galega en clave de utilidade, valor da identidade e aposta de futuro.

Declaramos que todos os idiomas sen excepción son útiles, incluído, por suposto, o noso, lingua que posúe moitas e diferentes potencialidades de comunicación. A lingua galega precisa impulsos e investimentos sociais activos para acadar obxectivos de recuperación do seu prestixio social e da súa presenza na vida cotiá e nas diferentes actividades e sectores da súa propia sociedade.

O galego no deporte constitúe un símbolo, un símbolo de identidade cultural que xera equipo e conciencia de grupo, que proxecta o noso xeito de estar no mundo unha riqueza cultural e lingüística únicas.

Vivimos nun tempo en que a recuperación das linguas menos estendidas é recoñecida e impulsada por diferentes organismos, institucións e abondosa lexislación a nivel europeo e mundial. A participación neste proxecto  global de defensa das linguas menos estendidas é un reto e unha aposta de utilidade e vida futura para o galego. Esta  tendencia é imparable por ser unha reivindicación xusta e unha dinámica moi activa no contexto mundial. Observamos como as linguas menos estendidas están cada vez máis activas en espazos innovadores - por exemplo, Internet- e no deporte desde o galego temos moito que dicir e que facer no mundo, para achegarmos a nosa riqueza e a nosa identidade única ao conxunto  de culturas e linguas que conforman a diversidade mundial.

O coñecemento de varias linguas sempre incrementa a capacidade de comunicación co mundo e co galego a comunicación coa comunidade lusófona é algo evidente, aproveitado por miles de galegas e galegos que andan polo planeta. E no de andar polo mundo, o deporte está presente de xeito claro e rotundo.

Todas as linguas son o xeito de expresión dunha comunidade e outórganlle sentido e valor por si mesma. Por iso, a lingua galega  fomenta o equilibrio lingüístico, a conservación da memoria, da identidade e da riqueza que os galegos e galegas temos xerado ao longo da nosa historia, o valor que podemos proxectar e que é a clave para o futuro dunha colectividade.

O galego para o deporte é útil porque a lingua somos nós e sen a lingua somos menos e temos menos forzas, folgos e enerxías. E, como sabedes, para o deporte necesitamos sempre poñer o mellor que temos para competir e participar.

 

A lingua galega co deporte galego!

O deporte galego coa lingua galega!

 

Ferrol, xaneiro 2010

 

Podes adherirte ao manifesto premendo nesta ligazón.