Contos para falar: Navegacións e homes de mar, A odisea [2009]

 

Contos para falar: Navegacións e homes de mar, A Odisea foi un proxecto de dinamización lingüística desenvolvido en 2009, promovido polo Concello de Ferrol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística cara ao fomento do uso do galego e da lectura no noso idioma, entre a poboación galega máis nova.

Esta actividade enmarcouse no programa Bocaberta que achegou ao noso concello outras actividades como a representación de Comedia Bífida no Teatro Jofre.

 

Esta actividade estivo destinada a nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria. Esta actividade tivo lugar os días 30 de setembro e 1 de outubro, con tres sesións cada día, cun máximo de 100 alumnos e alumnas por sesión, na capela do Centro Cultural Torrente Ballester.

Participaron os centros: CEIP San Xoán de Filgueira, CPR Jesús Maestro, CEIP Esteiro, CEIP Recimil, CEIP Manuel Masdías, CEIP Juan de Lángara, CEIP Pazos e CEIP Cruceiro de Canido.

Contido da actividade

Partindo da Odisea como fío condutor, ofrécese unha aproximación ás navegacións antigas e ao mar como espazo de aventura. Nese percorrido danse a coñecer as peripecias de Odiseo na súa viaxe de regreso, despois da guerra de Troia, e as distintas situacións que lle tocou afrontar.

Comézase cunha proxección audiovisual sobre a guerra de Troia para contextualizar a historia.

Cóntase o episodio da viaxe de Odiseo titulado “O xigante Polifemo” por medio dunha montaxe audiovisual que mestura representacións antigas do xigante con interpretacións modernas. Deseguido, nárrase un conto baseado nunha situación actual onde a intelixencia vence sobre a forza bruta. Tras as narracións, faise unha presentación dos barcos gregos antigos, das navegacións polo Mediterráneo e da influencia que tiveron na construción naval. O material consiste nunha proxección dos elementos máis salientables da construción de barcos acompañada do vocabulario básico correspondente.

Ao remate da actividade, entrégaselle a cada rapaz/a un exemplar do libro A Odisea e un recortable de cartolina para a montaxe da maqueta do barco de Odiseo, inspirada nun debuxo atopado nunha antiga ánfora tebana.

Ao profesorado que acompañe os nenos e as nenas, faiselles entrega dun CD con recursos para facilitar a continuidade do traballo na aula, durante a lectura do libro.