Agasallos Nadal

O Concello de Ferrol propón regalos en galego coa difusión da guía Agasallo.eu

Agasallos de nadal

O Concello de Ferrol a través do seu Servizo de Normalización Lingüística está a difundir Agasallo. Propostas de regalos en galego, unha guía editada pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e na que se dan arredor de 250 ideas de regalos en galego para o tempo de Nadal.

 

Agasallo inclúe unha selección de novas creacións e produtos, de libros, discos, aparellos electrónicos, fragrancias, camisolas, cinema, xogos, etc. E, aínda que necesariamente só poden estar algúns dos que son, son todos os que están. Porque todas as ideas que inclúe este catálogo teñen unha cousa en común: a lingua galega.

 

A personaxe mítica do Nadal galego que lle trae agasallos aos nenos e ás nenas, o Apalpador, fala galego e dispón de todos os agasallos que aparecen na guía. Ao Papá Noel e mais aos Reis Magos, que falan todas as linguas do mundo, failles tamén moita ilusión que en cada lugar se fale e apoie a lingua propia e que, polo tanto, apoiemos os produtos e creacións en galego.