Entrega de diplomas do programa Ferrol Emprego Xuvenil no Centro Municipal de Emprego o pasado 28 de febreiro.

Luns, 4 de marzo de 2019
Os obxectivos do proxecto eran mellorar a capacitación profesional e promover a empregabilidade das persoas novas do Concello de Ferrol, a través da combinación de accións de distinta natureza: información e orientación laboral, itinerarios formativo profesionais e prácticas en empresa, accións de dinamización para o emprego, prospección empresarial, intermediación laboral e apoio na busca de emprego.

Foi este un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. As persoas participantes -15 por cada un dos 5 itinerarios, 75 prazas en total, formáronse en sectores estratéxicos cunha alta demanda no mercado laboral:

  • Persoal experto en Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio (680 horas)
  • Auxiliar de cociña e restauración (605 horas)
  • Especialista en preparación e venda de produtos cárnicos frescos (565 horas)
  • Especialista en preparación e venda de peixes frescos (555 horas)
  • Auxiliar de comercio, almacén e loxística (590 horas)

Os itinerarios formativos contaron coa seguinte formación transversal:

  • Inglés específico por sectores de actividade.
  • Manipulación de alimentos.
  • Prevención de riscos laborais (básico e específico por sector de actividade).
  • Formación para a igualdade.
  • Novas tecnoloxías.
  • Alerxias e intolerancias alimentarias.
  • Manexo e resolución de conflitos.

Desde o pasado mes de setembro desenvolvéronse as prácticas profesionais non laborais: de 120 a 255 horas, coa colaboración de máis de 40 centros de traballo radicados na comarca de Ferrol, nas que tomaron parte un total de 49 participantes en sectores como: alimentación (carnizaría, peixaría e reposición), téxtil, electrónica de consumo, xoguetes, deportes, cooperativas (agrotendas e supermercados), grandes superficies, construción, decoración, paquetería, restaurantes e atención á dependencia.

Simultaneamente, realizouse a labor de intermediación laboral por parte do equipo do proxecto axustando as candidaturas ás características solicitadas polas empresas.

Como resultado, podemos falar de niveis de inserción que superan o 60% (31 persoas das 46 que finalizaron os itinerarios formativos traballan ou traballaron no período , e con boas perspectivas de cara ao futuro.

Ferrol Emprego Xuvenil



Concello de Ferrol Rede de Técnicos de Emprego de Galicia Xunta de Galicia Fondo Social Europeo Servizo Público de Emprego