xoves, 31 de outubro de 2024
Máis de 850 persoas solicitaron asistir ás visitas da Semana do Patrimonio Invisible
O faro do cabo Prior, a estación naval de A Graña, Casa Antón, Navantia e o Arquivo Intermedio Militar do Noroeste foron os lugares que máis demanda tiveron
A IV Semana do Patrimonio Invisible rexistrou un total de 854 solicitudes de praza para as 33 visitas -sete máis que na anterior edición- que se realizaron ao abeiro desta iniciativa entre os días 23 e 27 de outubro.
En total, ofertáronse 615 prazas (400 máis que na última), polo que a cifra de solicitudes constata o éxito de convocatoria da iniciativa nesta edición, quedando 239 solicitudes sen praza. A asistencia media total do programa foi do 90%, sendo cubertas as baixas con persoas que estaban en lista de agarda.
As visitas máis demandadas nesta cuarta edición foron as do faro do cabo Prior, a estación naval de A Graña, Casa Antón, Navantia e o Arquivo Intermedio Militar do Noroeste, con 145, 139, 120, 97 e 77 solicitudes respectivamente.
As visitas en horario de tarde foron máis demandadas que as de mañá, así como as realizadas no sábado e domingo.