Novas

xoves, 31 de outubro de 2024

Continúa aberto o prazo para participar nunha nova edición do Programa Integrado de Emprego

A selección dos 100 participantes realizarase proximamente


Dende a concellería de Emprego informan que continúa aberto o prazo para participar nunha nova edición do Programa Integrado de Emprego, cofinanciado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, e que se espera que teña unha inserción laboral do 45% dos participantes.

Os interesados deberán estar inscritos no Servizo Público de Emprego e atoparse en situación de desemprego. Ademais, deberán ter a súa residencia no Concello de Ferrol.

ACCIÓNS FORMATIVAS

En canto á formación específica para o desenvolvemento dunha ocupación, os itinerarios a desenvolver inicialmente serán Itinerario 1- xestión loxística e de almacén, Itinerario 2- dependente de establecementos comerciais, Itinerario 3- técnicas de limpeza, Itinerario 4- auxiliar de reposición e caixa, Itinerario 5- comercialización e venda de produtos de carnicería, Itinerario 6- actividades básicas nas seccións de frescos: panadería, charcutería e froitería, Itinerario 7- comercialización e venda de produtos de peixaría e Itinerario 8- actividades básicas de hostalaría: cociña e servizos.

Tamén están contempladas, avanzou o concelleiro, medidas complementarias, como iniciación á informática e competencias dixitais básicas para o emprego; manipulación de alimentos; ou inserción laboral e técnicas de busca de emprego, entre outras. E para aqueles colectivos con nivel baixo de cualificación, que carezan dos estudos mínimos, dotarase dunha formación de apoio que axude a estes colectivos a superar esta barreira formativa, tanto a través das probas da ESO/ESA, ou ben das probas de obtención das Competencias Clave (especialmente de nivel 2).

En canto á fase de prácticas profesionais non laborais remuneradas en empresas, o Concello de Ferrol contará de novo coa axuda de boa parte das empresas da comarca. Estas prácticas permiten que o alumnado coñeza distintos eidos de traballo así como tarefas e formas de organizar o traballo, o que incrementa as posibilidades de incorporarse a un posto unha vez finalizadas. En todo momento contarán cun equipo que seguirá a súa formación e prácticas.

As accións formativas levaranse a cabo na sede do Centro de Emprego do Concello de Ferrol, así como noutras instalacións municipais ou aportadas polas empresas adxudicatarias da formación, cando se trate de actividades que precisen medios específicos dos que non dispón o dito centro. O programa terá unha duración ata o 30 de setembro de 2025.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar