Novas

sábado, 24 de setembro de 2022

O Concello suma novas propostas de envellecemento activo co inicio hoxe dun programa de balde para maiores con rutas guiadas polo patrimonio histórico de Ferrol

Máis de 30 persoas de máis de 65 anos accederon esta mañá en autobús ao Castelo de San Felipe na primeira saída do plan municipal ‘Outono Ilustrado’. O luns, 26 de setembro, abre o prazo de inscrición para a segunda saída, que será o 8 de outubro cun percorrido con oaradas polo Arsenal Militar. O Concello porá a dispor dos maiores de 65 anos dous autobuses de balde para asistir o 8 de outubro ás festas de San Froilán de Lugo, e o prazo de inscrición abre o luns 26


O Concello suma novas propostas de envellecemento activo co inicio hoxe dun programa de balde para maiores con rutas guiadas polo patrimonio histórico de Ferrol

O Concello de Ferrol continúa ganando programas de envellecemento activo e saudable dirixidos á poboación maior de 65 anos da cidade co fin de mellorar o seu estado físico e mental e a súa calidade de vida. Esta mañá, ás 11 horas, deu comezo o plan ‘Outono Ilustrado’, un programa impulsado polo Concello de Ferrol que inclúe ata finais de novembro cinco saídas polo patrimonio histórico da cidade, todas de balde.


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, acudiu esta mañá a coñecer ás 35 persoas inscritas na primeira saída do programa, ao Castelo de San Felipe, que partiron en autobús desde a Praza de Galicia. 

A edil felicitoulles por formar parte nesta iniciativa municipal que, explicou, persigue dous obxectivos. Por unha banda “promocionar o benestar físico e mental dos nosos veciños de maior idade promovendo o envellecemento activo con actividades saudables e dinámicas” e, por outra, “dar a coñecer desde o Concello de Ferrol o importante patrimonio histórico da nosa cidade e abrir á nosa poboación os bens que integran a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial”. Con este programa municipal “poderán coñecer o noso patrimonio desde outra perspectiva”, indicou Martínez Montero. 

Resposta a unha demanda da poboación maior
O programa ‘Outono Ilustrado’ que comeza hoxe, explicou, “da resposta a unha demanda dos maiores da cidade, que no marco das actividades desenvolvidas ao longo do pasado curso mostraron o seu interese por coñecer de cerca o patrimonio histórico de Ferrol”. Froito desta inquedanza o Concello de Ferrol deseñou este programa que, ademais, e ante a “boa aceptación deste tipo de iniciativas, incrementa o número de prazas, que pasa de 20 a 35”. 

Visitas ao Arsenal, barrio da Magdalena, Capitanía e Dores
Tras a primeira saída de hoxe ao Castelo de San Felipe, o luns 26 de setembro abrirá o prazo de inscrición para a segunda, que será o 8 de outubro ao Arsenal Militar nun percorrido en autobús con paradas. A segunda, o 22 de outubro, será para coñecer os detalles da urbanización do barrio da Magdalena, e os interesados poderán anotarse desde o 10 de outubro. 

O 5 de novembro visitarase o Pazo de Capitanía Xeral en dúas quendas, ás 10.30 horas e ás 12.00 horas, e a inscrición poderá formalizarse desde o 24 de outubro. O programa ‘Outono Ilustrado’ rematará cunha visita o 19 de novembro ao Cuartel de Dolores e Fontelonga, e o prazo de inscrición abrirá o 7 de novembro. As persoas interesadas en participar nalgunhas destas saídas deberán anotarse a través do correo electrónico outonoilustrado@gmail.com ou no teléfono 631 683 070, 10 a 14 horas, de luns a venres. 

O luns, 26 de setembro, abre o prazo para asistir en bus de balde a San Froilán
A concelleira anunciou esta mañá que o Concello de Ferrol poñerá a dispor da poboación de máis de 65 anos de Ferrol dous autocares de balde con capacidade para 55 persoas cada un para asistir ásfestas de San Froilán en Lugo, o próximo 8 de outubro. O programa inclúe a ida e regreso desde Ferrol e unha visita guiada a pé pola cidade, de dous horas de duración, cun guía. As persoas que desexen contratar a comida nun restaurante de Lugo tamén poderán facelo. 

O prazo de inscrición para esta iniciativa municipal abre o luns, 26 de setembro, nas oficinas de Galitur en Ferrol, na rúa Rubalcava, 26. O teléfono de contacto é 981 930 706 e o correo electrónico: info@viaxesgalitur.com







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar