Novas

xoves, 30 de xuño de 2022

O Concello celebrará na Praza de Amboage o segundo Festival Ilustrado de Ferrol con bailes de época, degustacións, pasarrúas, actividades para nenos, sorteos e visitas guiadas

Durante os días 8 e 9 de xullo a cidade recuperará o estilo de vida do século XVIII con preto de 25 actividades, todas de balde, con especial dedicación aos bailes da época. Varias das actividades programadas requiren inscrición previa, que debe facerse exclusivamente a través de WhatsApp ou mensaxe escrito no número 660 152 563, indicando a actividade e o nome completo do participante


O Concello celebrará na Praza de Amboage o segundo Festival Ilustrado de Ferrol con bailes de época, degustacións, pasarrúas, actividades para nenos, sorteos e visitas guiadas

O Concello de Ferrol vai celebrar o segundo Festival Ilustrado de Ferrol os días 8 e 9 de xullo na Praza de Amboage aínda que inicialmente estaba previsto no Cantón de Molíns. Será unha cita coa que a cidade poñerá en valor o estilo de vida do século XVIII e regresará durante a tarde do venres e o día enteiro do sábado aos anos máis gloriosos da cidade, tal e como indicou a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero. 


Un dos obxectivos do festival é “despertar entre os ferroláns o orgullo polo Ferrol da Ilustración”, indicou, ao tempo que “atraer a turistas e visitantes doutros lugares para que coñezan o noso patrimonio”. Esta segunda edición centrarase no baile ilustrado, que durante dous días se divulgará cun nutrido programa de actividades de balde dirixidas a todos os públicos, a maioría na Praza de Amboage. Haberá siluetas ilustradas para facerse fotografías, pasarrúas, música, visitas guiadas para descubrir o Ferrol da Ilustración, bailes, sorteos de agasallos, produtos e descontos nos espazos ilustrados da cidade, degustacións, escenas ilustradas na rúa, espectáculos infantís, como ‘Princesas e cabaleiros ilustrados’, teatro, xogos e exhibicións, entre outros. En total preto de 25 actividades de balde para “promover a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da man da cidadanía”, indicou a concelleira. 

Chamada á cidadanía para asistir vestido de época
A concelleira fixo esta mañá unha chamada especial á cidadanía para que acuda ao Festival vestida de época. De feito, algunhas das actividades programadas están dirixidas especialmente aos veciños que se animen a ataviarse con roupa ou complementos típicos do século XVIII. O aperitivo ilustrado con sesión musical que se servirá o venres, ás 20 horas, o chocolate con churros do sábado e o baile ilustrado con cóctel no Parador de Turismo da noite do sábado estarán abertos unicamente ás persoas que asistan caracterizadas, un máximo de 200 por evento. Para animar á xente a participar, no baile da máscara que se celebrará o venres a partir das 21 horas entregaranse máscaras aos asistentes. 

Varias das actividades programadas requiren inscrición previa, que debe facerse exclusivamente a través de WhatsApp ou mensaxe escrito no número 660 152 563, indicando a actividade e o nome completo do participante. 

Pode consultar o programa en https://bit.ly/3bInPuZ

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar