Novas

mércores, 17 de xullo de 2019

A nova residencia de maiores de Ferrol construirase no Bertón

O alcalde e o concelleiro de Urbanismo anunciaron que a Consellería de Política Social xa remitiu ao Concello o borrador do convenio para a cesión dos terreos


O centro de residencia de persoas maiores que a Xunta de Galicia construirá en Ferrol dentro do plan «Como na Casa» estará situado, finalmente, nunha parcela da zona do Bertón. Así o anunciou o alcalde, Ángel Mato, nunha comparecencia na que estivo acompañado do concelleiro de Urbanismo, Julián Reina. O alcalde destacou que estas novas instalacións, que nun primeiro momento se ían localizar no Boial, nunha área pouco urbanizada, pasarán agora a unha ubicación moito máis céntrica. Explicou que xa desde a súa toma de posesión mantivo diferentes comunicacións coa consellería para trasladala. A parcela que o Concello poñerá a disposición da Administración autonómica está «moito mellor comunicada», ten máis de 9.000 metros cadrados e conta con todos os servizos nas súas inmediacións e está moi próxima a áreas moi poboadas, tales como Ultramar e San Xoán. Ángel Mato asegurou que os terreos son «moito máis axeitados» e lembrou que hai que ter en conta que moitos dos usuarios que empregan este tipo de residencias non teñen dificultades de mobilidade, polo que poderán gozar dun moito mellor acceso ao centro urbano, do mesmo xeito que as persoas que acudan a visitalos. Para Mato, isto «favorece a construcción dunha cidade moito máis compacta nun barrio con posibilidades de desenvolvemento», que está urbanizado desde o 2009 e que ten varias parcelas dotacionais máis. A residencia contará cunha zona para aloxar a persoas que padezan trastornos congnitivos severos e así prestarlles unha mellor atención. Tamén disporá de dependencias dedicadas a zonas sociais, para favorecer a convivencia, desenvolver actividades e recibir visitas, e dunha área de atención especializada, con consulta médica, salas de rehabilitación, farmacia e unidade de enfermaría. As instalacións completaranse con áreas de administración e servizos, que incluirán, entre outros, lavandaría e cociña. Mato detallou que con esta actuación Concello e Xunta pretenden garantir unha atención adecuada ás persoas con dependencia e aumentar a oferta asistencial nunha zona na que hai grande demanda. Nese senso, cuantificou en 280 os usuarios de dependencia en Ferrol subvencionados pola Xunta, en 160 os de libre concorrencia (copago usuario-Concello) e en 136 as persoas acollidas ao programa de teleasistencia froito do convenio entre a Cruz Vermella e a Administración municipal. O concelleiro de Urbanismo insistiu, pola súa banda, en que O Bertón é «o mellor sitio» para a residencia. Explicou que nun primeiro momento pensouse en dúas parcelas desa zona destinadas a usos dotacionais, pero que se descartaron porque non cumprían o tamaño mínimo necesario, de uns 5.000 metros cadrados. A parcela na que se construirá finalmente a residencia estaba cualificada como equipamento docente, que mudou no 2003 a equipamento deportivo, polo que o goberno municipal propón agora «ampliar o uso como equipamento deportivo a deportivo asistencial». Esta parcela cumprirá así todos os requisitos solicitados pola Xunta. Ángel Mato asegurou que os seu goberno intentará que ese cambio de uso se someta ao pleno da corporación canto antes, xa que, tanto para o Concello como para a Xunta (e segundo confirmou, así llo trasladou a propia conselleira), trátase dunha medida «moi urxente». «É fundamental» para Ferrol, dixo, dispoñer dunha segunda residencia para maiores.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar