Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

AS MULLERES SON PERSOAS

Luns, 01 Outubro 2012 06:33 | Modificado o (Martes, 30 Novembro 1999 00:00)

AS MULLERES SON PERSOAS

GUILLERMO LLORCA FREIRE

 

¡AS MULLERES SOMOS PERSOAS¡  Que frase de tan evidente significado é a que leva inscrita en letras de bronce esa muller sufraxista, que forma parte dun conxunto escultórico conmemorativo da loita polo sufraxio  feminino na capital de Canadá.

Neste día reivindicativo contra a violencia de xénero, e xa que estamos próximos a un novo proceso electoral,  quero dar  a coñecer esta imaxe porque representa a unha muller portando esa cartela cunhas simples letras, pero canto ten custado, aínda hoxe, enchelas de auténtico contido. Sirvan de exemplo estas apertadas liñas sobre a historia da emancipación das mulleres  e a épica loita das sufraxistas  para conseguir a igualdade dos dereitos civís e políticos: o dereito ao voto, o dereito a ser elixidas como representantes no parlamento, o dereito a posuír bens e negocios, a herdar e facer testamento ou a solicitar e obter o divorcio.

Por citar só ás pioneiras desa rebeldía feminina: a francesa  Olimpia de Gouges, a primeira redactora, en 1791, duns  Dereitos da Muller e da Cidadá,  cando os revolucionarios franceses esqueceran incorporalos a súa Declaración Universal dos Dereitos do Home e do Cidadán, de 1789, e que morreu guillotinada por enfrontarse ao terror de Robespierre, tendo que  agardar máis de cento cincuenta anos para que o seu sacrificio pola igualdade foxe recoñecido no seu país co dereito ao voto feminino en 1945.

As activistas estadounidenses Elizabeth Cady e Lucrecia Mott, que en 1848 publicaban un manifesto reclamando a igualdade entre homes e mulleres, e demandan a participación política, aínda que  o dereito ao sufraxio, do que nace o nome de sufraxistas, non será legal nos EEUU ata 1919.

As loitadoras británicas  Emmeline Pankhurst e Emily Davison.  A primeira, traballou arreo ao longo de corenta anos polo dereito das mulleres ao voto. Foi fundadora, en 1889, da Liga para o Sufraxio das Mulleres. Estivo  encarcerada en numerosas ocasións e protagonizou varias  folgas de fame  ata ser alimentada á forza para volver á cadea cando as autoridades comprobaban que xa se restablecera da súa saúde. Morreu en 1928, cando o Reino Unido recoñece o pleno dereito ao sufraxio. A segunda, Emily Davison, que en 1913 para chamar a atención dos británicos se votou aos pés do cabalo do rei, durante a celebración dun derby no hipódromo de Epsom, morrendo das feridas despois de ser atropelada.

A pesar da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, proclamada polas Nacións Unidas en 1948, que recoñecía a igualdade de dereitos entre homes e mulleres; da Convención da ONU para a eliminación de todas as formas de discriminación contra as mulleres, ratificada en 1993 por 138 países; a loita das sufraxistas aínda está presente nos nosos días, pois o dereito elemental ao sufraxio aínda está vetado para a metade da poboación en moitos países,  constituíndo un capítulo máis da opresión sobre as mulleres.

¿Cantas vítimas desa opresión haberá  aínda que soportar no mundo  ata lograr que a muller sexa considerada plena e simplemente como unha persoa ?

 

Monumento ás mulleres sufraxistas en Ottawa (Canadá).