Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Decreto 182/2004 do 22 de Xullo polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 4.2º, que corresponderá aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, removendo os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

A teor do artigo 2 da Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, constitúese como obxectivo principal de dito organismo autónomo a promoción e adopción de medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva das mulleres e dos homes, removendo os obstáculos que impidan a participación e a integración da muller na vida social, cultural, educativa, económica e política de Galicia.

E para efectos do cumprimento do dito obxectivo, a propia Lei de creación describe no seu artigo 3, número 6º, como unha das súas funcións específicas, a de promover, coordinar e avaliar plans e programas de acción e o desenvolvemento de actividades que, para a consecución dos obxectivos previstos na presente lei, realicen deputacións e concellos; así mesmo e dentro do punto 7º do citado artigo 3, o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller cooperará con todas as entidades que polos seus fins ou actividades contribúan á consecución dos obxectivos previstos na lei.

A maior abundamento, e de conformidade cos números 9º e 12º do citado artigo 3, correspóndelle ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade entre o Home e a Muller o labor de incentivar a participación das mulleres na vida política, económica, cultural, educativa e social; así como, e de ser o caso, prestar os necesarios servizos a todas aquelas persoas que dentro do ámbito da citada lei tiveran especial necesidade deles.

A constatación de que a consecución da igualdade nun nivel formal non equivale a unha igualdade no plano material, toda vez que a aplicación de normas iguais a colectivos que adoecen de profundas desigualdades sociais favorece a perpetuación da situación de discriminación, exixe o establecemento de medidas de acción positiva como instrumento idóneo que impida a cronificación da desigualdade por razón de xénero. O propio Tratado de Amsterdam do 2 de outubro de 1997 expón a obrigatoriedade da aplicación do principio de transversalidade ao establecer no número 2º do artigo 3 que a comunidade se fixará o obxectivo de eliminar en todas as accións que

leve a cabo, as desigualdades entre o home e a muller e promover a súa igualdade.

En consonancia coa dita previsión legal, a Unión Europea adopta o 7 de xuño de 2000 unha nova estratexia marco comunitaria sobre a igualdade entre homes e mulleres para o período 2001-2005, que se centra fundamentalmente en cinco obxectivos, constituíndose como marco de referencia para a evolución das políticas e ás que deberán referirse todas as iniciativas comunitarias en materia de igualdade. Estes obxectivos serán a consecución da igualdade na vida económica, na representación e participación na toma de decisións, na vida social, na vida cívica, e a modificación dos roles establecidos en función do sexo.

Por todo isto, e desde a entrada en vigor da citada Lei reguladora do funcionamento do Servizo Galego de Promoción da Igualdade entre Homes e Mulleres, o cumprimento das súas funcións e o logro dos obxectivos anteriormente referidos levouse a cabo a través de instrumentos distintos, dentro dos que destacaron de maneira significativa, pola súa especial eficacia, a rede de centros de información ás mulleres que a Administración autonómica puxo en marcha en colaboración con distintas corporacións locais. Estes centros de información ás mulleres foron concibidos como órganos da Administración pública destinados non só á prestación de asesoramento xurídico, psicolóxico ou de orientación laboral ás mulleres que individualmente alí se dirixiran, senón tamén e con especial énfase procurando que o labor alí desenvolvido, transcendendo da prestación dun servizo concreto a unha persoa determinada, tivese unha proxección a todos os sectores da sociedade e cuxa finalidade primordial fose a de servir como instrumento para a consecución do principio de igualdade.

O importante labor desempeñado ata a data polos citados centros de información ás mulleres exixe por parte da Administración autonómica o impulso necesario destinado á continuidade do labor iniciado, e o establecemento duns requisitos xerais, funcionais e humanos, atendendo non só á continuidade do servizo que se prestou ata a data, senón tamén á posible ampliación e extensión a aquelas localidades cuxa implantación fose considerada necesaria, e isto por canto a intervención global que desde eles se desempeña a través da información, o asesoramento, a sensibilización da comunidade en políticas de igualdade, e o fomento da participación se constitúe como un instrumento imprescindible para acadar o desenvolvemento e a consolidación do principio de igualdade.

Atendendo ás anteriores consideracións, e con fundamento na disposición derradeira primeira da Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller que faculta o Goberno da Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións fosen necesarias para o seu correcto desenvolvemento e aplicación, é polo que se procede a regular os centros de información ás mulleres, establecendo os requisitos que deberán reunir para o seu recoñecemento e funcionamento, de tal xeito que permitan unha atención e servizo

de calidade ás mulleres galegas, acorde cos obxectivos e funcións que a través da presente norma se lle asignan.

Para tal efecto, e en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e por proposta da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, e tras a deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do vinte e dous de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto.
O presente decreto ten por obxecto a regulación dos centros de información ás mulleres, de titularidade municipal ou dunha mancomunidade, establecendo os requisitos que deberán cumprir para o seu recoñecemento e funcionamento, e de conformidade coas específicas funcións que a presente norma lles asigna.

Artigo 2º.-Concepto.
Para os efectos do presente decreto enténdese por centros de información ás mulleres aqueles departamentos de carácter permanente destinados a proporcionar asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional, información en materia de recursos e calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade das mulleres que de forma individualizada o soliciten. Así mesmo, os centros de información ás mulleres proporcionarán información e asesoramento en materia de igualdade de oportunidades aos grupos de mulleres que de forma colectiva o demanden.

Artigo 3º.-Principios de actuación.
O desempeño das funcións propias dos centros de información ás mulleres estará inspirado polos seguintes principios:

1. O anonimato na identidade das usuarias, salvo decisión en contrario destas.
2. O respecto á vontade das usuarias na busca das posibles solucións e alternativas ás consultas expostas.

3. A gratuidade de todos os servizos que se houberan de prestar, e todo iso atendendo á vocación de servizo público.

4. O respecto ao principio de confidencialidade por parte do persoal do Centro de Información ás Mulleres, que garantirá a privacidade das comunicacións, salvo vontade en contra das usuarias.

Artigo 4º.-Funcións.
Os centros de información ás mulleres, dentro do seu ámbito territorial, e na súa área de influencia, desenvolverán as funcións e prestarán os servizos que a continuación se relacionan:

1. Información e asesoramento xurídico.
2. Atención psicolóxica.
3. Información sobre os recursos dispoñibles no seu ámbito territorial.
4. Difusión e sensibilización cidadá acerca da vixencia e aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes.

5. Funcionamento como canle de comunicación entre as usuarias e os distintos organismos que tiveran competencias en materia de muller.

6. Información sobre cursos, estudos e xornadas en materia de igualdade de oportunidades e, en especial, difundindo as actividades e servizos desenvolvidos polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

7. Realización de conferencias, encontros, xornadas, cursos sobre temas de especial incidencia na consecución do principio de igualdade.

8. Atención específica a mulleres vítimas de violencia de xénero, poñendo á súa disposición, facilitando ou informando sobre o acceso aos recursos existentes na Comunidade Autónoma a través da xestión urxente cos servizos policiais, sanitarios, psicolóxicos, xudiciais e sociais que fosen oportunos.

9. Recepción de denuncias e queixas en materia de discriminación por razón de sexo no ámbito da publicidade e os medios de comunicación e traslado destas ao órgano competente.

10. Fomento do asociacionismo e da participación das mulleres na sociedade civil.

11. Calquera outra actividade que se adecue ao obxectivo prioritario da consecución da igualdade.


Artigo 5º.-Ámbito de aplicación.
O presente decreto será de aplicación aos centros de información ás mulleres de titularidade municipal, ou dunha mancomunidade, sempre e cando reúnan os requisitos exixidos na presente norma.

Artigo 6º.-Competencia.
Correspóndelle ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller a acreditación, inscrición e inspección dos centros de información ás mulleres, de conformidade coa disposición adicional primeira do Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Capítulo II
Do recoñecemento e acreditación dos centros
de información ás mulleres
Artigo 7º.-Do recoñecemento e acreditación.
Todos os centros de información ás mulleres poderán solicitar o recoñecemento e a correspondente acreditación ante o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e a Muller, de conformidade co disposto nos seguintes artigos.

Artigo 8º.-Da solicitude.
O recoñecemento solicitarao, conforme o modelo do anexo I do presente decreto, a persoa que ten a titularidade ou representación legal da entidade de que

dependa o Centro de Información ás Mulleres, ante o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. As solicitudes de recoñecemento presentaranse no Rexistro do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Da documentación.
A solicitude de recoñecemento irá acompañada de copia compulsada da seguinte documentación:

1. Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos materiais a que se fai referencia no artigo 14º.

a) Planos do local, con indicación expresa do despacho ou dependencias, que se dedicarán á realización de accións propias do Centro de Información ás Mulleres.

b) Declaración expedida pola persoa titular ou representante legal da entidade solicitante, da existencia de mobiliario, equipo telefónico e fax con liña propia do centro, así como equipo informático que asegure a comunicación vía internet destinado á realización das funcións propias do Centro de Información ás Mulleres.

c) Declaración expedida pola persoa titular da entidade solicitante na que se acredite a dispoñibilidade, a través de calquera forma admitida en dereito, de locais adecuados para a realización de actividades, encontros, xornadas, etc.

2. Proxecto. Memoria explicativa do Centro de Información ás Mulleres, con especificación dos fins, programas, período de actividades, medios técnicos e financeiros, número de usuarias susceptibles de poderen ser atendidas conforme as características do centro.

3. Relación detallada do persoal, con indicación da súa titulación, dedicación horaria e adscrición de funcións, con referencia expresa da persoa que desempeña a dirección do centro.

4. Proposta de regulamento de prestación de servizos na que conste o horario de traballo e atención ás usuarias, con especial mención dos días e intervalo horario en que se prestarán os servizos de atención psicolóxica e xurídica.

Artigo 10º.-Da tramitación e resolución da solicitude.
1. A tramitación dos expedientes será realizada no Servizo Galego de Promoción da Igualdade entre o Home e a Muller, e conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como no disposto na Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma ás citadas leis.

2. No suposto de que a solicitude ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade de que dependa o Centro de

Información ás Mulleres para que, no prazo de 10 días acheguen os documentos preceptivos ou emenden os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixesen, considerará desistida da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ditará resolución motivada que será notificada ás entidades solicitantes.

4. Contra a resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, na forma e nos prazos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo da interposición de calquera recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

6. A resolución do expediente deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día de entrada da solicitude no correspondente rexistro. Transcorrido o citado prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse estimatoria.

Artigo 11º.-Da concesión.
A obtención da acreditación dun Centro de Información ás Mulleres será requisito necesario para o seu funcionamento como tal, e permitirá que a entidade da que dependa poida participar nas convocatorias de axudas convocadas polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e/ou establecer convenios de colaboración con este.

Artigo 12º.-Da inscrición.
A concesión do recoñecemento polo órgano competente implicará a anotación de oficio no correspondente rexistro creado para o efecto.

Artigo 13º.-Da extinción do recoñecemento.
O recoñecemento poderá extinguirse polos motivos que se sinalan a continuación.
1. Por solicitude da entidade titular, conforme o modelo do anexo II do presente decreto.

2. Pola perda das condicións e requisitos exixidos ou o incumprimento das obrigas contraídas, recollidas no presente texto e tras o correspondente trámite de audiencia.

A resolución en virtude da que se declare a extinción do recoñecemento como Centro de Información ás Mulleres implicará de oficio a cancelación da inscrición practicada.

Capítulo III
Dos requisitos que deberán reunir os centros
de información ás mulleres
Artigo 14º.-Dos recursos materiais.
1. O Centro de Información ás Mulleres deberá situarse preferentemente nunha zona céntrica do núcleo urbano ou, de ser o caso, ben comunicada e dotada de servizos dentro do municipio.

2. O local disporá dun ou varios despachos para as consultas, en función da necesidade derivada do horario e servizos ofertados ás usuarias. Non obstante o anterior, o asesoramento xurídico e psicolóxico ás mulleres usuarias do Centro de Información ás Mulleres será dispensado sempre nun despacho independente e que reúna as condicións necesarias para garantir a privacidade das comunicacións, e preferentemente illado do resto dos servizos que puideran ser prestados nas dependencias onde radique o centro.

3. Todos os locais onde se realicen as actividades propias do Centro de Información ás Mulleres deberán adecuarse ás normas técnicas, sanitarias, de hixiene e de seguridade previstas na lexislación vixente que lles sexa aplicable. Así mesmo, deberán cumprir a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras.

4. Os centros de información ás mulleres deberán dispoñer, para o seu uso exclusivo, dun ordenador que reúna os requirimentos de hardware e software necesarios para a utilización e correcto funcionamento de bases de datos que puideran ser remitidos desde o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e a Muller para os efectos da súa formalización, contando con acceso a internet e cunha unidade de lectura de CD/DVD-ROM. Así mesmo, deberán estar provistos de fax, teléfono e material funxible suficiente para o desenvolvemento das funcións que lles corresponden.

Artigo 15º.-Dos requisitos funcionais.
1. Os centros de información ás mulleres deberán garantir os dereitos que legalmente correspondan ás usuarias.

2. Os centros de información ás mulleres permanecerán abertos de luns a venres, establecendo un horario de atención ao público mínimo de cinco horas diarias das que polo menos dúas serán en xornada de mañá. Os servizos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica deberán ofrecerse ás usuarias durante un mínimo de seis horas semanais cada un.

3. Para os efectos dunha axeitada prestación de servizos, o Centro de Información ás Mulleres exporá, para coñecemento das usuarias, o horario de atención ao público especificando os días e intervalo horario no que se prestan os servizos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica, dando conta deste ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade entre o Home e a Muller.

4. Para os efectos da súa remisión ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e a Muller, os centros de información ás mulleres deberán realizar un informe mensual das consultas realizadas


polas usuarias no dito centro, así como a elaboración dunha memoria de funcionamento anual, que deberá ser remitida con anterioridade ao 31 de decembro do ano de referencia.

5. Os centros de información ás mulleres someteranse ás actuacións de comprobación dos requisitos e condicións exixidos para o seu recoñecemento e funcionamento.

6. Os centros de información ás mulleres deberán procurar a formación continua do persoal ao seu cargo, co fin do seu correcto funcionamento e a prestación dun servizo de calidade. Para tal efecto, deberán garantir a asistencia do persoal a cantas actuacións de coordinación, cursos de formación, xornadas e seminarios organice o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e a Muller.

7. Para os efectos do cumprimento da normativa aplicable en materia de incompatibilidades, as profesionais que se ocupen da atención psicolóxica e asesoramento xurídico no Centro de Información ás Mulleres non poderán, con respecto ás mulleres usuarias do servizo, realizar actividades profesionais de carácter oneroso.

Artigo 16º.-Dos recursos humanos.
1. Os centros de información ás mulleres deberán contar, polo menos, co seguinte persoal cualificado:

a) Directora: titulación universitaria superior, preferentemente en humanidades ou en ciencias sociais; así mesmo, deberá acreditar experiencia en temas relacionados coa igualdade de oportunidades, desenvolvemento comunitario, voluntariado e dinamización social ou de grupos; en todo caso, o seu perfil axustarase ás funcións descritas no número 3.1 do presente artigo. A prestación de servizos será de xornada completa.

b) Psicóloga: licenciada en psicoloxía; deberá contar con formación en temas relacionados coa igualdade de oportunidades e experiencia profesional, ambas as dúas acreditadas.

c) Avogada: licenciada en dereito; deberá contar con formación en temas relacionados co principio de igualdade de oportunidades e experiencia profesional, ambas as dúas acreditadas.

2. O asesoramento xurídico ou a atención psicolóxica será compatible coas funcións de dirección.

3. O traballo que desenvolverá cada unha das profesionais que integren os centros de información deberá axustarse ao preceptuado no artigo 4º do capítulo primeiro do presente decreto, que establece as funcións dos centros de información ás mulleres. Para tal efecto, corresponderalles desenvolver as seguintes funcións:

3.1. Directora:
a) Será a persoa encargada da organización, control e xestión do Centro de Información ás Mulleres. Para tal efecto velará polo cumprimento dos dereitos das usuarias; en especial aqueles aos que especificamente se refire o artigo 3º da presente norma.

b) Atención individualizada ás usuarias mediante o asesoramento persoal, telefónico ou por escrito.

c) Coordinación da atención específica a mulleres vítimas de violencia de xénero, poñendo á súa disposición os recursos existentes na Comunidade Autónoma a través da xestión urxente dos servizos policiais, sanitarios, xudiciais e sociais que fosen oportunos.

d) Información sobre os recursos dispoñibles no seu ámbito territorial.
e) Levará a cabo a organización, xestión e seguimento de conferencias, encontros, xornadas, exposicións ou cursos de especial incidencia na consecución do principio de igualdade.

f) Información sobre cursos, estudos e xornadas que se programen no seu ámbito territorial, así como as actividades e servizos desenvolvidos polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e a Muller.

g) Divulgación e sensibilización da problemática das mulleres impartindo charlas, conferencias, participando en medios de comunicación, etc.

h) Organización de exposicións e xestión de programas.
i) Fomento do asociacionismo e a participación cidadá das mulleres.
j) Recepción, canalización e tramitación de denuncias en materia de discriminación por razón de sexo no ámbito da publicidade e os medios de comunicación.

k) Coordinación, de ser o caso, do centro de documentación.
l) Coordinación con outros servizos pertencentes a outras institucións públicas ou privadas.

m) Elaboración e supervisión de memorias e informes.
n) Promoción da formación continua en materia de igualdade do persoal dependente do Centro de Información ás Mulleres.

o) Realización de calquera outra actividade que favoreza a consecución do principio de igualdade.

3.2. Psicóloga:
a) Atención psicolóxica.
b) Realización de valoracións e orientacións psicolóxicas.
c) Intervención individual.
d) Realización de informes psicolóxicos naqueles supostos nos que foran solicitados por organismos públicos.

e) Realización de prácticas de grupo e talleres de autoestima.
f) Participación nas actividades do Centro de Información ás Mulleres.
g) Colaboración na elaboración de memorias e documentos.
3.3. Avogada:
a) Información e asesoramento xurídico.
b) Participación nas actividades do Centro de Información ás Mulleres.
c) Colaboración na elaboración de memorias e documentos.
Disposición adicional
Única.-No suposto de modificación por parte da entidade titular do horario de atención ás usuarias e prestación de servizos profesionais a que se fai referencia nos números 2 e 3 do artigo 15º, esta deberá comunicalo ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e a Muller cun mes de antelación ao comezo do novo horario.

Disposicións transitorias
Primeira.-As entidades titulares dos centros nos que se prestan servizos específicos de información e asesoramento ás mulleres que se atopen en funcionamento á entrada en vigor deste decreto, e que poidan ser definidos como centros de información ás mulleres ao amparo desta norma deberán solicitar o recoñecemento correspondente no prazo máximo de seis meses.

Sempre que, tras a inspección non se observasen deficiencias graves que puidesen poñer en perigo a seguridade das usuarias, poderase outorgar provisionalmente o recoñecemento, condicionado a efectuar as adaptacións necesarias para o cumprimento das normas vixentes. Para tal efecto, o prazo para corrixir os requisitos materiais e funcionais non poderá ser superior a seis meses desde o citado recoñecemento provisional. Unha vez emendadas as deficiencias no prazo indicado, procederase ao outorgamento definitivo do recoñecemento.

Segunda.-A titulación universitaria superior exixida á directora dos centros de información ás mulleres a que se fai referencia no artigo 16º.1 do presente decreto non será exixible para as persoas que estiveran realizando as funcións encomendadas no citado artigo con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2004.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento e execución.
Facúltase a directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil catro.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Pilar Rojo Noguera
Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte
e Voluntariado
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS
E VIVENDA


2011 © Concello de Ferrol - Centro de Información á Muller