PROXECTO AVES URBANAS DE FERROL

O 23 de novembro, a partir das 19:00 horas, tivo lugar na Aula de Ecoloxía Urbana do Cantón de Molins a presentación do proxecto de “Aves urbanas de Ferrol”, coa participación da concelleira de Medio Ambiente, Esther Leira, o escritor e comunicador ambiental Antonio Sandoval Rey, que vén de publicar o seu último libro “El árbol de la escuela”. Trátase dun proxecto que pretende achegar a cidadanía en xeral e os rapaces en particular ao medio natural e á biodiversidade do seu contorno mediante o estudo e a observación das aves nos diferentes tipos de hábitats que existen na cidade de Ferrol.


O proxecto, elaborado por Areamapa, conta para iso con diferentes métodos de divulgación que inclúen carteis informativos, trípticos informativo, a elaboración dunha guía didáctica para difundir entre os colexios e institutos do concello, e dunha exposición itinerante composta por cinco paneis para rotar por todos os colexios institutos de Ferrol que a soliciten.

O obxectivo fundamental é o de concienciar a veciñanza respecto da importancia que teñen os pequenos espazos naturais que existen nas cidades e a fundamental biodiversidade que albergan, e da que ás veces non somos conscientes.

Os puntos de maior interese que recolle o proxecto son cinco: os parques do Cantón de Molíns e Raiña Sofía, a zona da Malata, o entorno de Caranza e o porto de Curuxeiras. Nestes espazos poden observarse, dependendo da época do ano, unha gran variedade de especies de aves, dende pequenos paxariños máis forestais a grandes aves mariñas ou aves limícolas. O carteis deseñados para estes enclaves e para a exposición temporal achegan unha información amena e completa das especies que, cun pouco de sorte e paciencia, poderíamos observar. Ademais, contan cunhas fotografías de gran calidade que nos permiten ver o aspecto que teñen esas aves.

En canto á guía didáctica, pretende servir de material para traballar nas aulas dos colexios de xeito que rapaces e rapazas aprendan unha amplo abano de conceptos que se relacionan coa observación das aves. O coñecemento das diferentes especies, dos hábitats en que se desenvolven, das migracións que realizan ou a forma en que se reproducen son só algunhas das moitas cousas que propón a guía e que o profesorado pode traballar na aula. Ademais, tamén suxire a saída aos puntos de interese e a observación in situ dalgunhas das especies recollidas na guía.

A unidade didáctica, os dípticos e os carteis están dispoñibles en formato dixital a continuación: