Xornada de clausura do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ferrol 2023-2024

Venres, 29 de novembro de 2024
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, clausurou o pasado 27 de novembro de 2024 o programa integrado de emprego do Concello de Ferrol 2023-2024 na sede de Afundación na cidade, un acto ao que tamén asistiu a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

O rexedor felicitou aos alumnos e alumnas, ao equipo que participa na súa formación e ás 19 empresas adheridas ao programa. A través do Programa Integrado de Emprego búscase mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego con intermediación laboral e durante un período de 12 meses. Nesta edición participaron 112 alumnos de colectivos prioritarios como persoas en risco de exclusión social, con discapacidade, mulleres vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración ou persoas inmigrantes, entre outros.

“Tras un período en diferentes itinerarios formativos, hoxe estes alumnos convértense en novos profesionais cualificados que están desexando poder poñer en práctica os coñecementos adquiridos”, manifestou Rey Varela. O emprego permite a autonomía e integración destes grupos de poboación e “desde o Concello de Ferrol estudamos cales son os principais nichos de emprego nestes momentos para ofrecer unha formación integral e transversal que nos permita axudalos a conseguir un posto de traballo”, engadiu.

Neste sentido, a data de hoxe, a porcentaxe de persoas con boas perspectivas de cara ao mercado laboral chega ao 62%, un dato que convida a “seguir traballando polos soños e polas metas de cada un destes alumnos, nun camiño no que teñen o respaldo do Concello de Ferrol”, concluíu o alcalde.


Concello de Ferrol Rede de Técnicos de Emprego de Galicia Xunta de Galicia Fondo Social Europeo Servizo Público de Emprego