A cidade - Historia

Ferrol ten ocupado unha posición privilexiada durante séculos e ten escrito importantes páxinas na historia de España. A nosa situación xeoestratéxica fixo da nosa cidade un enclave fundamental para a Armada Española, e un referente internacional para a construción naval como asentamento dos máis modernos estaleiros de toda Europa. É así como a cidade que hoxe coñecemos xurdiu en pleno século XVIII. Situada no noroeste peninsular, protexida en medio dunha gran enseada, e fortificada por dous castelos que custodian unha magnífica ría, que mesmo foi escenario dun desembarco promovido polos exércitos ingleses que ansiaban facerse co que consideraban o mellor porto natural da costa atlántica de Europa. Ferrol foi un lugar de encrucillada de civilizacións e de rutas de comercio marítimo, e tamén é o caso máis paradigmático dunha urbe creada por e para o servizo da Coroa de España na época da Ilustración.

 

A referencia máis antiga que se coñece de Ferrol data do século I, en que o historiador romano Pomponio Mela cita o Magnus Portus Artabrorum para designar as rías de Ferrol, Pontedeume e Betanzos. No protexido interior da primeira, onde hoxe se asenta Ferrol Vello, levantouse un castro costeiro, orixe da actual cidade de Ferrol. Dentro da lenta formación das vilas e cidades, orixinada durante o tardomedievo, Ferrol transformouse nun poboado mariñeiro e pescador de certa entidade arredor da antiga igrexa parroquial de San Xiao. Nas súas orixes foi unha vila de reguengo e, como tal, gozou de diferentes foros e privilexios que lle foron concedidos por varios monarcas dende o século XII.

 

No ano 1371 Ferrol pasou a depender do señorío dos condes de Andrade, quedando dende entón sometido a unha das máis poderosas familias da Galicia medieval. O seu porto estivo aberto ás rutas marítimas dende esa época, sendo lugar de atraque, tanto dos buques que trasladaban peregrinos a Santiago de Compostela, chegados das illas Británicas e do Norte de Europa, como das naves comerciais procedentes de Flandes e Venecia.

 

A partir do século XVI, as boas condicións naturais da ría de Ferrol e a súa localización estratéxica chamaron a atención da Coroa dos Habsburgo, converteron a súa ría e porto en lugar de arribada e fondeo da Armada Real, mentres se empezaban a construír as fortificacións defensivas da ría. O castelo de San Felipe foi construído en 1577 e dende el partía unha cadea que, en caso de incursión naval, era levantada para  impedirlles o paso aos navíos hostís. En 1594, a Armada inglesa fracasou no seu intento de tomar  Ferrol.

 

Ferrol é unha cidade cun pasado, presente e futuro ligado ao naval e á Coroa. Por decisión da monarquía borbónica e como consecuencia das magníficas condicións de seguridade da ría, a cidade é designada en 1726 Capital do Departamento Marítimo do Norte. A partir do ano 1749, durante o reinado de Fernando VI, a creación dos estaleiros e do Arsenal Militar, con capacidade de até cen navíos, e a construción dunha moderna cidade trouxeron consigo a chegada masiva de traballadores para acometer as obras, e converteron Ferrol en pouco tempo na cidade máis poboada de Galicia. O 25 de agosto de 1800 tería lugar o fracasado intento de apoderarse da cidade por parte de máis de cen barcos e 15.000 homes da Armada inglesa comandados polo almirante Warren.

 

Durante o século XVIII, o Ferrol da Ilustración foi a porta de entrada do academicismo en Galicia. Acentuouse o peso da industria naval e deu lugar a un notable patrimonio industrial, que chegou até os nosos días en forma de dous importantes estaleiros, herdeiros dos mandados construír pola Coroa no Século das Luces. En Ferrol realizouse a botadura do primeiro barco a vapor de España, en 1858; en 1881 a do primeiro barco con casco de ferro e, en 1912, Afonso XIII presidiu o lanzamento á ría do primeiro navío acoirazado, de nome “España”.

Despois de anos de crecemento industrial, sempre ligado ao naval, a década dos oitenta do século pasado marca un antes e un despois na historia de Ferrol. Dende 1982 até finais da década dos noventa a cidade enfrontouse a numerosos problemas debido ao declinar do sector naval. O principio do novo milenio, con todo, foi en xeral un tempo de relativa expansión económica e prosperidade. A chegada da autoestrada do Atlántico e a construción do Porto Exterior supuxeron un importante impulso para a cidade e toda a súa comarca.

Bandeira

Bandeira de Ferrol

Escudo

Escudo de Ferrol

Fonte: Wikipedia

2015 © Concello de Ferrol - Praza de Armas s/n - 15402 Ferrol
Teléfono: 981 944 000 - Email: informacion@ferrol.es - RSS
Versión en galego   Versión en castelán