A cidade - Turismo - Visitas obrigadas

Primeira toma de contacto

Ferrol dispón de dúas oficinas de turismo para informar aos visitantes daquelas visitas obrigadas na cidade naval. Nelas, Concello, Xunta e hosteleiros poñen a disposición dos usuarios unha compreta oferta de dípticos e folletos cos principais reclamos turísticos da urbe, pero tamén un trato personalizado. Técnicos de Turismo non só solventan as dúbidas dos visitantes, senón que tamén dan as súas propias recomendacións para non perderse nin un chisco a maxia de Ferrol.

Praia de Doniños Paseo Marítimo


Unha oficina depende directamente do Concello. Localízase no principal acceso de entrada á urbe. Isto é, no peirao de Curuxeiras, a onde o turista chega pola mesma AP-9 e atende aos visitantes entre as 10.00 e as 14.00 e entre as 16.00 e as 19.00 horas, os sábados e os domingos e festivos de 10 a 14 horas. Para contactar vía telefónica:  682 248 016.

A segunda oficina de información turística depende da Administración autonómica e emprázase no Edificio administrativo da Xunta de Galicia, na praza de España. Durante os meses de xullo e agosto, esta última permanece aberta ao público de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 19.30 horas; os sábados, de 10 a 12.30 e de 17.30 a 19.30 horas, e os domingos, de 10 a 12.30 horas. Fóra da época estival, os horarios se reducen nos días laborables: de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 12.30 horas. Para contactar vía telefónica: 981.311.179 ou 981.337.131.

De entrada, e como anunciamos ao inicio da sección, hai unha serie de visitas obrigadas, que repasaremos ao tempo que facemos un pouco de historia.

Porta do Dique

Cidade do mar, cidade naval, cidade militar

Ferrol construiuse na súa relación co mar. Dende o mar, pescando riqueza. Para el, co traballo nos estaleiros. Tamén protexéndose das invasións que por el chegaban. A construcción do mar non pode ser máis fermosa. A arquitectura lineal e modernista, a silueta das industrias, as inmensas praias e, sobre todo, un vivo crisol urbano que na fin de semana sae viistar os impresionantes arredores.

Vista panorámica

O primeiro Ferrol é o Ferrol Vello. Aquí, onde se extende un peirao pesqueiro e deportivo, había un castro marítimo, e del queda pegada na toponimia urbana. A partires do século XI as rutas a Santiago trouxeron ata o porto boa parte dos camiñantes que procedían das Illas Británicas e do Norte de Europa, e que chegaban por mar. Era o comezo do camiño inglés. Por iso, nas proximidades do peirao estaba o hospital do Espírito Santo, hostal para o aloxamento de peregrinos.

Na actualidade, pódese apreciar este pasado mariñeiro no barrio de pescadores: con trazado medieval, rúas estreitas e irregulares e casas de galerías, ocupadas agora por tendas de efectos navais, vellos bares e o escaso lumpen que lle queda a un porto ido a menos.

A partires do século XVI, as condicións da protexida ría ferrolá -costas abruptas e estreiteza na boca- chaman a atención da Coroa española e doutras nacións. O rei Felipe V, o primeiro dos Borbóns, decide converter a cidade en capital do departamento militar do Norte (1726), lugar idóneo para a situación dos estaleiros reais. Catro anos despois, sae o primeiro barco co nome de Galicia. A partir dese momento, Ferrol convértese na cidade máis industrial de Galicia, na vangarda da modernidade.

Ría de Ferrol Arsenal dende San Julián


As medidas para facer de Ferrol un centro naval e militar de primeira orde dotáronno dun grandioso arsenal e dunha impresionante infraestrutura de diques, así como doutras instalacións para a construcción de navíos. Na súa maior parte, estas edificacións do XVIII seguen a usarse na actualidade e poden contemplarse no longo paseo que vai do peirao ata a porta da Empresa Nacional Bazán, en paralelo ao mar.

A construcción do estaleiro atraerá gran cantidade de man de obra, que comezará a vivir en Esteiro, proxecto cuadriculado do primeiro barrio obreiro de Galicia. Quedan algúns vestixios del, como a moi singular Casa do Patín, convertida en biblioteca, e o antigo Hospital de Mariña, que se rehabilitou como o actual Campus Universitario da cidade.

A construcción militar máis importante de Ferrol é, sen dúbida, o castelo de San Felipe, levantado na porta da ría. Este alarde de arquitectura granítica débelle a súa primeira construcción ao monarca Felipe II. Situado en fronte do da Palma (en Mugardos), e triangulando co desaparecido castelo de San Martiño, controlábase dende aquí todo o tráfico da ría. Mesmo pola noite poñían unha cadea entre os castelos para bloquear o paso de embarcacións. Con todo, o edificio que hoxe conservamos é do XVIII, momento no que foi remodelado, ao igual que o da Palma. As obras maiores do castelo foron rematadas, finalmente, en 1775.

Chégase ao castelo tras visitar a parroquia de San Felipe e atravesar un fermoso paseo. Son camiños de garitas, construccións para a vixiancia que combinan os modelos militares clásicos co estilo tradicional dos canteiros que as realizaron. O fabuloso edificio, recuperado para o uso público, permite asomarse á ría, contemplar a silueta de Ferrol e case tocar coa man as costas de Mugardos. Pola súa beleza, é un dos mellores recintos militares do seu tempo. Pódese visitar os 365 días do ano, de 10 da mañá a nove da noite.

Castelo de San Felipe


Asemade, Ferrol vai co pé cambiado, en un país que fixo himno do robusto e pechado románico, quixo ser capital neoclásica. A maior pegada vincúlase cos estaleiros militares. Entre as moitas construccións destacan a Cortina ?muralla fortificada de 500 metros que rodea polo mar as instalacións do Exército- e as diversas portas que lles dan entrada: a do Dique, co escudo de Carlos III, e a moi posterior do Parque, no peirao.

No interior do recinto, que se pode visitar solicitando permiso, atópase a fermosa Sala de Armas, actual cuartel de instrucción, coa magnífica escalinata principal decorada con varanda. Non debemos deixar de achegarnos ao moi interesante Museo Naval, á Biblioteca da Zona Marítima do Cantábrico e ao Dique da Campana, labor formidable do enxeñeiro Andrés Comerma, a máis importante obra hidráulica na Galicia do seu tempo (1879) e un dos diques máis grandes do mundo (145 metros de eslora e 12 de calado).

Tamén de liñas limpas e panos brancos son a capela das Angustias, a das Dolores, a do Socorro e a igrexa da Orde Terceira, as numerosas fontes que decoraron e ordearon a cidade, como a de San Roque, a de Churruca e a da Fama e, sobre todo, o antigo Hospital da Caridade, edificio do arquitecto Sánchez Aguilera e hoxe en día convertido no Centro Torrente Ballester.

O Barrio da Magdalena

En 1761 Carlos III aproba o plano da Magdalena, un dos exemplos máis singulares da arquitectura racionalista do XVIII. A edificación desta nova estructura urbana corre parella ás obras dos arsenais e do asteleiro real de Esteiro, que motivan un rápido crecemento de población e determinan a creación deste barrio histórico da cidade, que recibirá o nome da Magdalena en lembranza dunha antiga capela, hoxe en día desaparecida. As súas vivendas irán destinadas ás capas máis elevadas da sociedade ferrolá: oficiais da Marina, técnicos da construcción naval, profesións liberais e comerciantes.

O seu emprazamento discorre no espazo baleiro comprendido entre o antigo núcleo pesqueiro de Ferrol Vello, da época medieval, e o poblado proletario de Esteiro, edificado no século XVIII. Con referencia ao seu trazado, é un perfecto rectángulo, con seis rúas longas e rectas que se cruzan con outras nove que baixan perpendiculares. Para completar este trazado regular en cuadrícula ábrense dúas grandes prazas nos extremos laterais: a de Amboage e a de Armas.

Á singularidade do seu trazado hai que engadir a estética das súas vivendas. As primeiras casas, de dous e tres pisos, son a rúa Magdalena, con edificios tan representativos como a actual sede do Ateneo Ferrolán, que data de 1762 e onde sobresaen os grandes balcóns de ferro. Rúa Magdalena

Co inicio do século XIX nace en Ferrol, para posteriormente extenderse por toda Galicia, un novo elemento arquitectónico, a galería acristalada, fabricada en madeira e pintada de branco, inspirada nas realizadas polos carpinteiros cando cubrían a popa dos barcos. A súa difusión foi tan rápida, que transforma a fisonomía do barrio, de tal forma que presenta ata a actualidade unha longa sucesión de miradores acristalados, que dan ao conxunto unha especial fisonomía urbana. Tanto na Magdalena, como na súa paralela, a rúa Real, o visitante pode contemplar os mellores exemplos desta orixinal construcción da arquitectura civil.

Edificio Ucha Co inicio da nova centuria, nas primeiras décadas do século XX, chega á cidade un novo estilo, o Modernismo, especialmente da man do arquitecto municipal Rodolfo Ucha, que incorpora ás fachadas tradicionais novos materiais constructivos, como o ferro e o cemento, creando uns chamativos modelos de galerías e miradoiros, con decoracións xeométricas e naturalistas de elaborado e inspirado deseño, que fan destas vivendas auténticas obras mestras da arquitectura galega. Entre os diversos modelos que o visitante pode contemplar están a Casa Romero, acabada en 1910; o Banco Hispano-Americano, de 1916; o Hotel Suízo e a Casa Pereira, na rúa Dolores, que data de 1915.

Ademáis destas fermosas vivendas, de diversa tipoloxía, o barrio amosa outras construccións que merecen tamén a súa visita. Destacan:

A Fonte de San Roque: alberga na súa pétrea fachada o escudo heráldico máis antigo da cidade, co nome de Ferrol.

Igrexa de San Xiao: Adicada ao patrón da cidade, comezou a levantarse en 1765, baixo a dirección do enxeñeiro e arquitecto de Marina, Julián Sánchez Bort, que constrúe un magnífico monumento da arquitectura neoclásica galega, elevado á categoría de Concatedral en 1959.

Teatro Jofre: Unha das máis importantes obras da arquitectura teatral de España.

Teatro Jofre
Teatro Jofre

O Parador Nacional de Turismo: construído como un gran palacio señorial en 1960, dende os seus miradoiros ofrece unhas espléndidas panorámicas dos arsenais e da ría.

Capitanía Xeral e Xardíns de Herrera: É a residencia oficial do Capitán Xeral do Departamento. Fronte a este palacio atópanse os xardíns de Herrera, cun fermoso paseo de magnolios e a estatua de bronce do prestixioso mariño e home de ciencia Jorge Juan.

Unha viaxe pola costa

Entre as moitas propostas que se poden ofrecer ao viaxeiro e visitante que se achega á cidade de Ferrol destaca o percorrido polo noso amplo litoral, gozando da natureza, das pegadas do paseo e, sobre todo, do contacto co mar. Neste caso, abonda con realizalo para convencerse de tódolos seus atractivos.

Garita San Felipe Partindo do porto, pola mañanciña, pódese percorrer en coche toda a beira norte da ría ata a súa entrada. Despois de pasar a pintoresca vila da Graña, no alto do monte, pódese ollar unha grande panorámica, para logo descender a San Felipe, onde unha serie de fortalezas militares, nun alarde de arquitectura granítica, defendían a entrada marítima de Ferrol. Entre os restos dos seus muros e as penas da ribeira pódese practicar o submarinismo, darse un baño nas pequenas enseadas espalladas por toda a ribeira ou deterse a tomar o sol na praia de Cariño, protexida dos ventos, con areas brancas e augas calmas e transparentes.

Despois do descanso, poderá retomar a marcha con dirección a cabo Prioriño, onde as augas do mar braman con forza sobre os seus impresionantes cantís; desde eles pode lanzarse a cana para pescar, mentres se contempla o paso dos corvos mariños ou das gaivotas comúns. A fermosa panorámica enriquécese ao subir ao alto de Monteventoso. Desde alí, a 245 metros de altitude, a vista recréase na grandiosidade do horizonte, que ofrece un amplo contorno do chamado Golfo Ártabro.

Continuando pola praia, escenario do histórico desembarco das tropas inglesas que no ano 1800 pretendían atacar Ferrol, chégase á parroquia de San Xurxo. Nela atópanse os restos do castro marítimo de Lobadiz, protexido nun dos seus lados polos cantís e polo mar, fronte á sillas Gabeiras, e por outro por dúas liñas de murallas cun foxo no medio. Pode datarse entre o século I a.C. e o século I d. C.

Antes de continuar o paseo cara a praia de San Xurxo, convén deterse para o descanso ou para xantar no seu piñeiral, que ofrece unha fresca sombra. Recuperadas as forzas, a fina area da praia convida a camiñar ou ben dirixirse aos areais de Esmelle e Vilar, en Covas. Nesta parroquia, unha visita obrigada é dirixirse ao cabo Prior, que se adentra no Atlántico na punta máis setentrional da costa ferrolá. O seu faro é guía dos navegantes e un miradoiro privilexiado.

Santa Comba

Seguindo pola beira da costa, atópanse as praias de Ponzos, con restos de antigas explotacións mineiras, que algúns estudosos sitúan na época da presenza romana, e a de Santa Comba, na que se localiza unha pequena illa onde se alza unha ermida.

O viaxeiro pode dar por rematada esta longa xornada polas praias do noso entorno tomando a estrada que o conduce seguramente canso e satisfeito da intensa viaxe realizada.

2015 © Concello de Ferrol - Praza de Armas s/n - 15402 Ferrol
Teléfono: 981 944 000 - Email: informacion@ferrol.es - RSS
Versión en galego   Versión en castelán