A Biblioteca Municipal Central de Ferrol ten a súa sede no antigo edificio do Banco de España, situado na zona norte da praza de España. O seu proxecto arquitectónico foi  deseñado no ano 1946 polo arquitecto José Yarnoz Larrosa. No ano 1982 o edificio pasa a ser propiedade municipal e é en 1990 cando se decide trasladar a Biblioteca, que ata entón ocupaba un espazo na 2ª planta da Casa do Concello, á súa actual sede. Aínda que co traslado a biblioteca contaba con máis espazo, aos dez anos constatouse que este era aínda insuficiente. No período 2001-2006 realízanse as obras de ampliación e reforma para adecuar a totalidade do edificio aos novos servizos bibliotecarios, procurando deseñar unha biblioteca o máis funcional posible nos 2.700 m2 aproximados da súa superficie útil. O proxecto de reforma foi obra do arquitecto municipal Juan Antonio Vidal Romaní. Ademáis dos traballos de ampliación e reforma, levouse a cabo a reorganización dos espazos e fondos coa finalidade de mellorar e actualizar os servizos.

A Biblioteca Central está distribuída en cinco plantas, onde se atopan as diferentes seccións.

Planta principal:

  • Área Infantil / Xuvenil:
    Espazo de coñecemento con libros de materias (lingua, xeografía, historia...), puntos de acceso a internet infantil
    Espazo de ficción: contos clasificados por idades e temáticas, audiovisuais infantis, rincón dos pais e nais.
  • Sección de Música, cine e outros audiovisuais, con espazo para a visualización de DVDs e autoescoita de Cds.
  • Sección de revistas e xornais
  • Servizo de Información e préstamo

Planta 1ª:

  • Fondo documental xeral de tódolos temas
  • Centros de interese: Cómics adultos, Novela de Intriga, Muller, Autoaxuda, Viaxes
  • Servizo de Información e Préstamo
  • Sala Web

Planta 2ª:

  • Fondo documental xeral de consulta
  • Biblioteca Local
  • Sala Web
  • Servizo de Información

Planta 3ª:

  • Sala Audiovisual
  • Espazo expositivo
  • Aula Informática

Planta semisoto:

  • Fondo antigo de acceso restrinxido

A Biblioteca Municipal de Caranza está situada no Centro Cívico de Caranza. Existe dende o ano 1987 e pasou por varias localizacións ata a súa instalación na  actual sede no ano 1999, data da súa creación oficial. Ocupa a metade da segunda planta do Centro Cívico e é un espazo pequeno pero funcional e dotado de modernas instalacións.

A Biblioteca Municipal do Inferniño ocupa a segunda planta do Centro Cultural Carvalho Calero desde a súa creación en 1995. Constitúe igualmente un espazo funcional e dotado de modernas instalacións.

Destacados