CONCELLO

 

Venres, 17 de febreiro de 2017

FERROL ESTÁ POR DEBAIXO DA MEDIA ESTATAL NA COMISIÓN DE DELITOS E POR RIBA NA SÚA RESOLUCIÓN

É froito dos datos aportados hoxe pola Subdelegación do Goberno na Xunta Local de Seguridade extraordinaria deste venres 17 no Pazo Municipal “Froito da coordinación entre corpos e do reforzo policial, levamos uns días de absoluta normalidade en San Pablo e San Xoán”, manifestou hoxe o alcalde

Versión para imprimir Compartir:  Facebook  Tuenti  Twitter  Netlog  Yahoo!  Menéame  Delicious  Digg it!  MySpace

Imaxe da nova


Ferrol, 17 febreiro.- O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e o subdelegado do Goberno, Jorge Atán, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade. Xunto a eles, asistiron a vicesecretaria da Delegación do Goberno, Eva Vázquez; o concelleiro de Seguridade e Tráfico, Álvaro Montes, o comisario provincial do Corpo Nacional de Policía, José Luis Balseiro, acompañado do comisario de Ferrol-Narón, Angel Casanova; así como responsables da Policía Local de Ferrol e da Policía Autonómica, e o coordinador de Seguridade de Ferrol, Santiago Troitiño.


Malia que a sesión da Xunta Local tiña carácter extraordinario, motivada, fundamentalmente pola inquedanza veciñal de San Pablo e San Xoán polos recentes roubos nas vivendas, na mesma analizáronse cuestións ordinarias deste órgano colexiado.


En concreto, analizouse a evolución da seguridade cidadá no Concello de Ferrol no ano 2016, coas cifras completas, e a súa comparativa co ano anterior. Así, os datos feitos públicos polo Ministerio do Interior, constatan un leve descenso do cómputo xeral de infraccións penais no municipio cun reflexo de baixada en case todas as tipoloxías penais.


O alcalde, Jorge Suárez, destacaba que os datos reflicten, con claridade, unha conclusión clara: “Ferrol é un concello tranquilo e seguro na comparativa coa media estatal, moi por debaixo, e elevada na resolución dos delitos. Temos poucos delitos e se resolven na súa gran maioría”, manifestou o primeiro edil, que apostou pola coordinación entre corpos.



PATRULLAS DE PROXIMIDADE NOS BARRIOS DE SAN XOÁN E SAN PABLO


Os representantes dos corpos policiais avaliaron este mediodía como “positivos os mecanismos de coordinación” existentes entre Corpo Nacional de Policía e Policía Local no Concello de Ferrol, que se puxeron de manifesto recentemente en relación con varios feitos delituosos que tiveron lugar no barrio de San Pablo.


O alcalde apuntou que a cooperación entre corpos (PL e PN) nestes días, a maior presencia policial e a coordinación coas entidades veciñais deu como resultado “que levamos uns días de total e absoluta normalidade gracias a uns corpos profesionalizados que poden facer e fan moi ben ese traballo”.


A este respecto, e como xa manifestamos o pasado luns, logo da xuntanza que mantiveron os veciños dos barrios de San Pablo e San Xoán co concelleiro, Álvaro Montes, no cuartel da Policía Local de San Xoán, desde o pasado martes 14 funcionan as patrullas de proximidade, a pé e motorizadas, en todas as quendas para maior tranquilidade dos veciños.



Voltar
2015 © Concello de Ferrol - Praza de Armas s/n - 15402 Ferrol
Teléfono: 981 944 000 - Email: informacion@ferrol.es - RSS
Versión en galego   Versión en castelán